A NINFA DAS LAGOAS

Acisclo Manzano

O ano 2000 xubilábase a profesora María Dolores Fernández Ferro, a moi querida Lola Ferro para o alumnado, do cal formei parte iniciada a década de 1980 na materia de Arte medieval. Os seus compañeiros profesores decidiron entón regalarlle unha escultura de Acisclo Manzano, a Ninfa das Lagoas, sen sospeitar que moi pronto, demasiado pronto, sería doada á Facultade de Historia pola súa familia, tras o prematuro falecemento de Lola en 2002.  

As ninfas son esas deidades menores gregas que chegan a nós a través da cultura romana aquí relacionadas, sobre todo cos ambientes acuáticos. Un asunto moi do afecto de Acisclo, como proba a Ninfa do Miño, de 1998, actualmente na Colección de Arte Abanca. Outra Ninfa do Miño de gran tamaño foi instalada ao carón das termas da Chavasqueira en 2006. E como non, as Ninfas das Burgas con Calpurnia Abana, de 2007, mural situado entre as dúas fontes monumentais. A Ninfa das Lagoas, creada expresamente por Acisclo para Lola, parece representar unha prematura e afortunada premonición do sabio mestre escultor sobre a creación do Campus Auga, así acreditado o 8 de febreiro de 2024 por resolución da Xunta de Galicia. Non en van Acisclo, nacido nesta cidade no primeiro ano despois da guerra, criouse na rúa da Barreira entre os vapores das Burgas, as máis célebres fontes ourensás.

Días atrás, logo da redacción deste texto, reuninme na Facultade de Historia con Acisclo e coa Ninfa das Lagoas. Quería presenciar o diálogo que inevitablemente nacería do encontro entre o escultor e a obra vinte e seis anos despois, como un pai que se reencontra cunha filla transcorrido moito tempo. Acariciouna con tal delicadeza e precisión que parecía que os dedos escaneaban as texturas, sempre cargadas de contrastes como é habitual nel: «a superficie lisa é a pel, e a rugosa, as roupas», dicía mentres a observaba. Na peza de terracota de cor clara está, coma na maioría da súa obra, a alternancia, o xogo de texturas que muda en escaso espazo, froito dun ritmo no que as superficies suaves, lisas, froito da man e da espátula, cambiaban de súpeto cara ás rabuñaduras e aos rizos nacidos do duro contacto do cepillo de raíces co barro brando, aínda sen cocer. É a forma con que Acisclo rompe co previsible, coa monotonía nas formas.

De súpeto, nese mar de texturas que alterna a suavidade da epiderme coas engurras dos lenzos, calmas e tempestades, aparece o rostro dunha muller. A composición formal condúceme a evocar Reclining Figure (Figura reclinada), de 1951, obra do seu admirado Henry Moore. Esa cabeza ladeada, con xesto analítico, lembrábame a Lola cando observaba reflexivamente unha diapositiva antes de explicárnola as alumnas e alumnos. Porque as esculturas de Acisclo sempre están dotadas de movemento, son formas dinámicas que engaden unha cuarta dimensión, figuras que semellan querer iniciar unha nova acción, toda unha chiscadela espacial para representar o tempo na mesma escultura e no mesmo espazo. A Ninfa das Lagoas parece querer incorporarse e comezar a falar. Estou seguro de que mentres a modelaba, Acisclo transportábase á capela do Santo Cristo da catedral de Ourense e ao século xvii para inspirarse no San Mauro de Francisco de Moure, outro escultor ao que admira. De feito, sempre di que o santo parece que dun momento a outro vai comezar a camiñar. Ese movemento, con outra linguaxe, tamén está na obra do ucraíno Alexander Archipenko, escultor que despuntou nas primeiras décadas do século xx na vangarda parisiense e polo que Acisclo confesa debilidade.

Acisclo, académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes é, á súa vez, fillo intelectual da academia non oficial do «Volter», liderada intelectualmente por Risco, e entre as súas influencias máis poderosas conta coa obra do Mestre Mateo, de quen sintetiza a forza da escultura galega dende a prehistoria, dotando as súas pezas dun aire fortemente atlántico, aínda que o barro sexa eivisenco e as temáticas das ninfas procedan de Oriente. Acisclo afirma que a forma está dentro do barro, unha materia que, coma a orixe bíblica do ser humano, está capacitada para recibir a alma. Non hai dúbida de que na Ninfa das Lagoas está Lola Ferro, así unida para sempre á Facultade de Historia.

 

José María Eguileta Franco

Arqueólogo e académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes

Histórico